Wednesday 15 de May de 2024

O pleno de Ordes aproba a conta xeral 2014


Tamén se apoiaron unanimemente as solicitudes da comunidade educativa da zona e medidas en prol do sector lácteo

A conta xeral do exercicio 2014 do Concello de Ordes foi aprobada onte no pleno municipal cos votos a favor do PSOE (1) e UXO (5), mentres que o BNG votou en contra (1) e o PP abstívose (7). Segundo o informe de Tesourería hai que falar dun resultado orzamentario positivo de 187.642 €, cun remanente para gastos xerais de 1.213.600 €, cumpríndose co obxectivo de estabilidade e rexistrando unha capacidade de financiamento de 1.126.000 €. Con isto vense cumpridos a regra de gasto, o límite de débeda e o período medio de pagamento.

Neste punto o informe remitido por Tesourería é explícito e critica “a inexistencia de propostas de gasto previas; a situación de prórroga tácita de contratos establecidos durante anos; a utilización abusiva da figura do contrato menor; o levantamento de facturas con conceptos xenéricos nas que non se especifican os traballos realizados; a inexistencia de memorias, proxectos e certificacións técnicas ou o outorgamento de subvencións sen cumprir coas previsións legais e a entidades que non xustifican as percibidas”, poñendo como exemplo deste punto o descoñecemento no gasto e nos ingresos das festas patronais do pasado ano. Tamén fai observacións sobre o incremento de gastos nalgúns capítulos, a contía en modificacións de crédito ou o descenso en investimentos e no aforro neto.

A carón da comunidade educativa
Unha vez máis ratificouse o apoio unánime á mellora da situación escolar do municipio, tal e como se fixera xa na xuntanza do Consello Escolar e nos encontros previos mantidos ao longo das últimas semanas. Aprobouse así o texto do Partido Socialista no que se require o descenso no recorte de profesorado no IES Maruxa Mallo e o cumprimento das demandas do CEIP Mesón do Vento, do que ademais se solicita o aumento da súa área de influencia a parroquias limítrofes, núcleos poboacionais próximos ou áreas de Mesía, Carral ou Abegondo. O mesmo ocorreu coa instancia a Unión Fenosa para que informe ao Concello das razóns que provocan os reiterados cortes da subministración eléctrica.

Tanto o BNG como o PP viron prosperar as súas mocións en prol do sector lácteo galego. Neste sentido o goberno local en boca da concelleira Ana Soneira aposta pola adhesión de Ordes á campaña promocional “Galega 100%”, ademais de promover accións en conxunto cos colectivos sociais e empresariais da zona. Unhas medidas que se complementan con accións de concienciación e promoción entre o gremio hostaleiro, nos centros lúdicos e festivos, ademais das asociacións de consumidores. Inclúese unha solicitude á Deputación da Coruña para a elaboración dun plan de apoio ao sector para a mellora de calidade nas explotacións do municipio en colaboración coas cooperativas entre outros.

Os nacionalistas tamén viron aprobada por todos os grupos a súa proposta para deixarlle constancia ao Ministerio de Fomento da posibilidade de mellorar o acceso dende a N 550 á piscina climatizada, ao IES Maruxa Mallo e ao centro comarcal, instalando un carril central para incorporarse e saír á dita estrada.

No apartado de rogos o goberno apoiou a necesidade dunha correcta limpeza de leiras particulares no casco urbano, aspecto do que está a informar xa a moitos propietarios e propietarias. O alcalde tamén informou que en breve o outro tractor municipal, que ata o de agora se atopaba inutilizado, está a piques de comezar a funcionar tras as reparacións realizadas. Iso si, sen a rozadora xa que o custo do seu arranxo é moi elevado. Tamén se deu conta da intención de empregar unha de sistema de arrastre nalgunhas zonas do termo municipal. Tamén se informou sobre o protocolo de actuación do Concello coa empresa subministradora de auga para solucionar os problemas de turbidez da auga bombeada, así como da próxima publicación dos resultados das análises da auga na páxina web municipal.

Xuntanza con Feijoo
Por outra banda o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo informou nada máis iniciar a sesión dos encontros mantidos recentemente co xefe de Demarcación de Estradas en base a obras na N 550 ou o pintado da travesía urbana entre outros temas. Tamén coa Delegada da Xunta na Coruña ou co presidente Núñez Feijoo para solicitar financiamento para obras de abastecemento e saneamento ou para a adquisición dun novo tractor con rozadora para uso forestal. A Lei do solo, Rolda Leste, renovación de semáforos e nova escola infantil pública na vila, albergue no Camiño Inglés, centro de maiores con espazo polivalente, a planta superior da praza de abastos ou a adquisición dunha moto para a Policía Local foron outros dos puntos tratados. Na Consellería de Medio Ambiente tamén tivo ocasión de falar, entre outros temas, da tramitación do PXOM, a estrada de Mercurín, a continuación da Rolda Leste dende a N 550 ata a AC 413, a inclusión do espazo do polígono industrial e Pardiñas nas áreas industriais da comunidade ou a petición de marquesiñas para o transporte metropolitano.